xoves, 25 de xaneiro de 2024

luns, 20 de marzo de 2023

CANTARES GALLEGOS: ROSALÍA DE CASTRO.

 

CANTARES GALLEGOS. ROSALÍA DE CASTRO




O 17 de maio de 1863 Rosalía de Castro asina a dedicatoria do seu primeiro libro de poesía galega: Cantares gallegos. A data de publicación habería de se converter en fundacional da cultura galega, por supoñer o pulo decisivo do Rexurdimento.


No prólogo que precede os poemas, a autora confesa terse inspirado no Libro de los cantares de Antonio de Trueba. Seguindo o seu exemplo, Rosalía vai facendo glosas de cantares, refráns ou ditos populares ata compoñer 32 cantares (36 na edición de 1872, na que interveu Murguía, e 38 na edición de 1909) na procura de «reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo». É dicir, estamos diante dunha obra que se organiza como un volume de poesía folk e que responde aos postulados da denominada xeración do 68 e ao ascenso da lírica popular en Europa e en España.


Non obstante, e desde o mesmo prólogo da obra, Cantares gallegos vai máis alá do simple afán revalorizador da cultura popular. A través dun exercicio de sororidade (ao longo da súa obra, Rosalía mostrouse sempre especialmente sensibilizada coa problemática e mais a marxinación das mulleres das clases populares), asistimos a unha verdadeira alegoría da identidade de Galicia, así como a unha defensa do país, das súas xentes e do seu idioma contra as inxustizas e aldraxes ás que se ven sometidos:


“ Cantos, bágoas, queixas, suspiros…” Prólogo de cantares.


Así pois, Cantares gallegos constitúe unha obra de clara intencionalidade sociopolítica, clave para o reencontro da identidade da comunidade galega e da demostración do idioma como lingua literaria. Asumindo a pintura de escenarios, costumes e tipos populares, os versos de Rosalía fornecen, pois, a representación do país nos seus aspectos positivos, rexeitando a visión discriminatoria que de Galicia tiñan os centralistas.


Estrutura


O libro, cunha estrutura circular, enmárcase entre o primeiro e o último poema. Ambos os dous, a modo de prólogo e epílogo, están postos en boca dunha mociña aldeá, «meniña gaiteira», a quen a autora lle pide que cante na lingua galega, ao que esta accederá en representación do pobo.


Cantarte hei, Galicia,

teus doces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.


Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.


Nos seguintes poemas Rosalía cede a palabra a diferentes tipos populares, construíndo un escenario inconfundiblemente galego no que adquire relevo tanto o folclore popular e os seus protagonistas como a propia autora, cunha voz lírica máis profunda e próxima aos seus desacougos íntimos, pero integrada como elemento activo da colectividade galega. O libro péchase coa voz da moza que se escusa modestamente pola falta de graza do seu cantar:


Eu cantar cantei

a grasia non era moita

que nunca (delo me pesa)

fun eu meniña grasiosa.


Cantei como mal sabía

dándolle reviravoltas,

cal fan aqués que non saben

direitamente unha cousa.


Poesía folk, voz de muller e alegoría identitaria


O poemario, atento ás proclamas do prólogo, distingue os seguintes temas:


• Temática costumista.


• Temática amorosa.


• Temática social.


Lirismo popularizante: composicións artelladas a partir das vivencias de personaxes do rural cotián, amosando tanto os elementos folclóricos como os solidarios desa sociedade. Aínda que non é infrecuente que estes cadros costumistas estean ensombrecidos polas penurias, inxustizas sociais ou deshonras destes personaxes, é máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado como nesta glosa que desenvolverá o diálogo entre unha costureira e unha santa da súa devoción.

Dentro deste conxunto destaca, polo número de cantares –monologados ou dialogados– a temática amorosa expóñense as queixas dos namorados, as mágoas deixadas por antigos amores, os resentimentos, as separacións... dun xeito non sempre desenfadado:


«Quíxente tanto, meniña,

tívenche tan grande amor,

que para min eras lúa,

branca aurora e craro sol;

auga limpa en fresca fonte,

rosa do xardín de Dios,

alentiño do meu peito,

vida do meu corazón».

Así che falín un día

camiñiño de San Lois,

todo oprimido de angustia,

todo ardente de pasión;

mentras que ti me escoitabas

depinicando unha frol,

por que eu non vise os teus ollos

que refrexaban traiciós.

Dempois que si me dixeches,

en proba do teu amor,

décheme un caraveliño

que gardín no corazón.

¡Negro caravel maldito,

que me fireu de dolor...!

Mais a pasar polo río

¡o caravel afondou...!

Tan bo camiño ti leves

como o caravel levou.



Miña Santiña,

miña Santasa,

miña cariña

de calabasa.

Hei de emprestarvos

os meus pendentes,

hei de emprestarvos

o meu collar;

hei de emprestarcho,

cara bonita,

si me deprendes

a puntear.


Desde a peza inicial, Rosalía promove unha ollada en clave de «voz de muller», dominante ao longo de todo o poemario. As mulleres do rural, nais e labregas, costureiras, casadeiras, mendigas... aparecen reflectidas na complexidade da súa psicoloxía, nos seus devezos e angueiras, a través de estampas, frescos... que amosan a súa presenza en romarías e/ou traballos, o seu comportamento relixioso e afectivo e mais as dificultades da existencia cotiá. Nalgunha ocasión, a protagonista atrévese incluso a declarar os seus desexos máis íntimos:


E non me namoran, non,

maldizoado!

mentres o meu corazón

quérelle anque sea pecado.

E vai tras doutras mociñas

tan contento,

i eu, con unhas cadiñas,

prendino ó meu pensamento.

E queira que non queira,

está comigo

i á postre i á derradeira,

con el me tenta o enemigo.

Sempre malla que te malla

enchendo a cunca!

I é que o demo traballa,

acabará tarde ou nunca.

Por eso, anque o cura dixo

que é pecado,

mal que tanto mal me fixo

nunca o darei desbotado.


Nun libro de tan evidente intencionalidade sociopolítica tamén se ofrecen glosas dunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a miseria, a marxinación que sofren os galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia. Así, a emigración dos segadores preséntase como unha faceta reivindicativa da beleza e dos valores da propia terra fronte a Castela e unha denuncia do seu maltrato, como se pon de manifesto en «Castellanos de Castilla». Tamén «A gaita gallega», resposta á composición do mesmo título de Ventura Ruíz Aguilera, entra nesa coordenada de autodefensa e inculpación polos males que sofre Galicia, mesmo ata a negación da españolidade dos galegos:

Probe Galicia, non debes


chamarte nunca española,


que España de ti se olvida


cando eres ¡ai! tan hermosa.


Cal si na infamia naceras,


torpe de ti se avergonza,


i a nai que un fillo despresa


nai sin corasón se noma.


Naide porque te levantes


che alarga a man bondadosa;


naide os teus prantos enxuga,


i homilde choras e choras.




Recursos estilísticos e métricos de Cantares gallegos


Á sinxeleza temática dos poemas de Cantares gallegos, sen perder por iso eficacia estética, pódese engadir a sinxeleza na forma. Asentada a obra sobre unha lingua popular, os recursos son tamén populares. Tense repetido que Rosalía abusa das comparacións e descoida a metáfora. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muiñeira e as formas populares da arte menor (cantar popular, seguidilla, romance octosílabo...), aínda que tamén se encontran décimas, cuartetas, redondillas e oitavas reais.




luns, 26 de decembro de 2022

BOTANDO MAN DOS CADERNOS

 Sempre defendín a necesidade de premiar con algún tipo de compemsación o traballo que moitas profesoras e profesores desenvolven nas redes. Eu bebo constantemente deles e recoñezo o meu parasitismo pero, que lle vou facer, eu non o vou elaborar mellores traballos,

Outra cousa é a Consellaría que tamén está chupando destes traballos no seu espazo Abalar. Polo menos debíaos recoñecer como traballos merecedores da puntuación correspondente como un libro ou traballos escritos.

CADERNO DE GALEGO 3º. IES RÍO DA TRABE

CADERNO DE GALEGO 1º BAC, IES RÍO DA TRABE

CADERNO 4º ESO. IES DAVID BUJÁN

CADERNO 1º ESO.IES DAVID BUJÁN.

xoves, 6 de outubro de 2022

COMENTARIO DE A BASILIO ÁLVAREZ

 

A BASILIO ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.

O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales

A aldea érguese co craror da aurora
agardando a siñal, e non sosega
en axexo de loita vingadora.

¡Xa a lus do sol do mediodía cega,
sementador! ¡Sementador, xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!

Ramón Cabanillas


1- Explica as características formais: métricas, estróficas, morfosintácticas…..

2- Cal e o significado do poema ?

3- Explica o significado da palabra “sementador” no poema.

4- Onde o clasificarías dentro da obra de Cabanillas ? 

5-Elabora unha conclusión persoal.



xoves, 12 de maio de 2022

AS VARIEDADES LINGÜÍSTICAS.

 

VARIEDADES LINGÜÍSTICAS DO GALEGO,(do blogue de Inmaculada Marín)


Unidade e variantes do galego

Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, falando galego, falan os tres unha mesma lingua mais non falan os tres igual. Cada persoa utiliza palabras, expresións e formas de pronunciar diversas. Quen cres que usará con maior frecuencia expresións como "tocar fondo", "navegar contra corrente" ou "dar bandazos"? Quen terá como habituais na súa lingua termos do estilo de "molar", "guapo" (no sentido de bo) ou "malote"? E quen cres que en lugar de dicir "ter gases" pode usar a expresión "sufrir de meteorismo"?.
Ás distintas maneiras de falar unha mesma lingua chamámoslles variedades ou variantes lingüísticas e débense a diversos factores ou causas:

Comentario Manuel Antonio

1- Que características propias das vangardas e de Manuel Antonio achammos neste poema?