Amosando publicacións coa etiqueta 3ºESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 3ºESO. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de marzo de 2023

CANTARES GALLEGOS: ROSALÍA DE CASTRO.

 

CANTARES GALLEGOS. ROSALÍA DE CASTRO




O 17 de maio de 1863 Rosalía de Castro asina a dedicatoria do seu primeiro libro de poesía galega: Cantares gallegos. A data de publicación habería de se converter en fundacional da cultura galega, por supoñer o pulo decisivo do Rexurdimento.


No prólogo que precede os poemas, a autora confesa terse inspirado no Libro de los cantares de Antonio de Trueba. Seguindo o seu exemplo, Rosalía vai facendo glosas de cantares, refráns ou ditos populares ata compoñer 32 cantares (36 na edición de 1872, na que interveu Murguía, e 38 na edición de 1909) na procura de «reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo». É dicir, estamos diante dunha obra que se organiza como un volume de poesía folk e que responde aos postulados da denominada xeración do 68 e ao ascenso da lírica popular en Europa e en España.


Non obstante, e desde o mesmo prólogo da obra, Cantares gallegos vai máis alá do simple afán revalorizador da cultura popular. A través dun exercicio de sororidade (ao longo da súa obra, Rosalía mostrouse sempre especialmente sensibilizada coa problemática e mais a marxinación das mulleres das clases populares), asistimos a unha verdadeira alegoría da identidade de Galicia, así como a unha defensa do país, das súas xentes e do seu idioma contra as inxustizas e aldraxes ás que se ven sometidos:


“ Cantos, bágoas, queixas, suspiros…” Prólogo de cantares.


Así pois, Cantares gallegos constitúe unha obra de clara intencionalidade sociopolítica, clave para o reencontro da identidade da comunidade galega e da demostración do idioma como lingua literaria. Asumindo a pintura de escenarios, costumes e tipos populares, os versos de Rosalía fornecen, pois, a representación do país nos seus aspectos positivos, rexeitando a visión discriminatoria que de Galicia tiñan os centralistas.


Estrutura


O libro, cunha estrutura circular, enmárcase entre o primeiro e o último poema. Ambos os dous, a modo de prólogo e epílogo, están postos en boca dunha mociña aldeá, «meniña gaiteira», a quen a autora lle pide que cante na lingua galega, ao que esta accederá en representación do pobo.


Cantarte hei, Galicia,

teus doces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.


Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.


Nos seguintes poemas Rosalía cede a palabra a diferentes tipos populares, construíndo un escenario inconfundiblemente galego no que adquire relevo tanto o folclore popular e os seus protagonistas como a propia autora, cunha voz lírica máis profunda e próxima aos seus desacougos íntimos, pero integrada como elemento activo da colectividade galega. O libro péchase coa voz da moza que se escusa modestamente pola falta de graza do seu cantar:


Eu cantar cantei

a grasia non era moita

que nunca (delo me pesa)

fun eu meniña grasiosa.


Cantei como mal sabía

dándolle reviravoltas,

cal fan aqués que non saben

direitamente unha cousa.


Poesía folk, voz de muller e alegoría identitaria


O poemario, atento ás proclamas do prólogo, distingue os seguintes temas:


• Temática costumista.


• Temática amorosa.


• Temática social.


Lirismo popularizante: composicións artelladas a partir das vivencias de personaxes do rural cotián, amosando tanto os elementos folclóricos como os solidarios desa sociedade. Aínda que non é infrecuente que estes cadros costumistas estean ensombrecidos polas penurias, inxustizas sociais ou deshonras destes personaxes, é máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado como nesta glosa que desenvolverá o diálogo entre unha costureira e unha santa da súa devoción.

Dentro deste conxunto destaca, polo número de cantares –monologados ou dialogados– a temática amorosa expóñense as queixas dos namorados, as mágoas deixadas por antigos amores, os resentimentos, as separacións... dun xeito non sempre desenfadado:


«Quíxente tanto, meniña,

tívenche tan grande amor,

que para min eras lúa,

branca aurora e craro sol;

auga limpa en fresca fonte,

rosa do xardín de Dios,

alentiño do meu peito,

vida do meu corazón».

Así che falín un día

camiñiño de San Lois,

todo oprimido de angustia,

todo ardente de pasión;

mentras que ti me escoitabas

depinicando unha frol,

por que eu non vise os teus ollos

que refrexaban traiciós.

Dempois que si me dixeches,

en proba do teu amor,

décheme un caraveliño

que gardín no corazón.

¡Negro caravel maldito,

que me fireu de dolor...!

Mais a pasar polo río

¡o caravel afondou...!

Tan bo camiño ti leves

como o caravel levou.



Miña Santiña,

miña Santasa,

miña cariña

de calabasa.

Hei de emprestarvos

os meus pendentes,

hei de emprestarvos

o meu collar;

hei de emprestarcho,

cara bonita,

si me deprendes

a puntear.


Desde a peza inicial, Rosalía promove unha ollada en clave de «voz de muller», dominante ao longo de todo o poemario. As mulleres do rural, nais e labregas, costureiras, casadeiras, mendigas... aparecen reflectidas na complexidade da súa psicoloxía, nos seus devezos e angueiras, a través de estampas, frescos... que amosan a súa presenza en romarías e/ou traballos, o seu comportamento relixioso e afectivo e mais as dificultades da existencia cotiá. Nalgunha ocasión, a protagonista atrévese incluso a declarar os seus desexos máis íntimos:


E non me namoran, non,

maldizoado!

mentres o meu corazón

quérelle anque sea pecado.

E vai tras doutras mociñas

tan contento,

i eu, con unhas cadiñas,

prendino ó meu pensamento.

E queira que non queira,

está comigo

i á postre i á derradeira,

con el me tenta o enemigo.

Sempre malla que te malla

enchendo a cunca!

I é que o demo traballa,

acabará tarde ou nunca.

Por eso, anque o cura dixo

que é pecado,

mal que tanto mal me fixo

nunca o darei desbotado.


Nun libro de tan evidente intencionalidade sociopolítica tamén se ofrecen glosas dunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a miseria, a marxinación que sofren os galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia. Así, a emigración dos segadores preséntase como unha faceta reivindicativa da beleza e dos valores da propia terra fronte a Castela e unha denuncia do seu maltrato, como se pon de manifesto en «Castellanos de Castilla». Tamén «A gaita gallega», resposta á composición do mesmo título de Ventura Ruíz Aguilera, entra nesa coordenada de autodefensa e inculpación polos males que sofre Galicia, mesmo ata a negación da españolidade dos galegos:

Probe Galicia, non debes


chamarte nunca española,


que España de ti se olvida


cando eres ¡ai! tan hermosa.


Cal si na infamia naceras,


torpe de ti se avergonza,


i a nai que un fillo despresa


nai sin corasón se noma.


Naide porque te levantes


che alarga a man bondadosa;


naide os teus prantos enxuga,


i homilde choras e choras.




Recursos estilísticos e métricos de Cantares gallegos


Á sinxeleza temática dos poemas de Cantares gallegos, sen perder por iso eficacia estética, pódese engadir a sinxeleza na forma. Asentada a obra sobre unha lingua popular, os recursos son tamén populares. Tense repetido que Rosalía abusa das comparacións e descoida a metáfora. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muiñeira e as formas populares da arte menor (cantar popular, seguidilla, romance octosílabo...), aínda que tamén se encontran décimas, cuartetas, redondillas e oitavas reais.




domingo, 17 de novembro de 2019

AS PROPIEDADES TEXTUAIS.


PROPIEDADES DO TEXTO (TIRADAS DO ESPAZO ABALAR)

            Un texto é algo máis que unha sucesión desartellada de oracións. Para que un texto teña unidade e sentido debe posuír varias propiedades: adecuación, coherencia e cohesión.

COHESIÓN TEXTUAL
           
            É o conxunto de mecanismos lingüísticos mediante os cales os elementos dun texto se relacionan entre si.
            As oracións que conforman un texto non son unidades illadas e inconexas, posta unha a carón da outra, senón que están conectadas ou relacionadas entre si con medios gramaticais diversos: puntuación, preposicións, conxuncións, pronomes, sinónimos, etc. Un texto está cohesionado cando os elementos que o compoñen (palabras, frases, oracións e parágrafos) están ben conectados entre si a través de preposicións, conxuncións, pronomes, sinónimos,etc.

Para dar cohesión a un texto utilízanse os MECANISMOS DE REFERENCIA INTERNA e os CONECTORES TEXTUAIS:


MECANISMOS DE REFERENCIA INTERNA:

Con eles podemos referirnos, de maneira cohesionada a unha mesma realidade dentro do discurso. Os máis habituais son a recorrencia, a paráfrase, a substitución e a elipse


  1. Recorrencia

Chámase tamén repetición ou reiteración. Consiste en repetir un elemento do texto dentro do propio texto. Pode ser de varios tipos:

 1.1       Reiteración léxicarepetición dun mesmo termo:
Xoana buscaba a súa carteira enriba do mostrador. Daquela xa era tarde,: a carteira desaparecera.
 1.2       Repetición mediante sinónimosrecorremos a un sinónimo, perfecto ou non, para referirnos a un elemento anterior:
A exposición de arte galega foi inaugurada onte. Agárdase que a mostra teña moito éxito.
 1.3        Repetición hiperonímicaemprego de hiperónimos do elemento que se pretende repetir:
As laranxeiras hainas que protexer da xeada, xa que estas árbores son moi delicadas.

  1.  Paráfrase

Consiste en reiterar un elemento do texto mediante unha frase que o define:
Os cidadáns visitan as bibliotecas cada vez menos. Estes berces de cultura deberían estar mellor dotados.
           
  1.  Substitución

Consiste en repetir un ha palabra do texto mediante unidades específicas que cumpren esa función substitutiva. Hai varias posibilidades de substitución:

 3.1.      Mediante proformas léxicas, que poden ter valor nominal ou verbal.
Son palabras cun significado moi xenérico que actúan como substitutos de palabras máis precisas que non recordamos ou que non queremos repetir. Coloquialmente chamámolas palabras comodín, porque realizan a mesma función que un comodín nun xogo de cartas. Os máis usuais son: feito, cousa, elemento,facer,dar,etc.

Onte, ás dez, produciuse un accidente grave na estrada xeral. O feito foi provocado polo mal estado do pavimento e pola chuvia.
 Feito é unha proforma léxica con valor nominal pois substitúe un substantivo (accidente)        

Os estudantes non foron á clase durante toda a semana. Fixérono en sinal de protesta pola suba das taxas de matriculación.
Fixeron é unha proforma léxica con valor verbal pois substitúe un verbo (ir).

3.2.Uso de pronomes gramaticais (persoais, demostrativos, indefinidos, relativos, posesivos, etc.)

Lois e Mar atopáronse aquela tarde e falaron durante horas. Non se vían desde había tempo. El estivera en Lisboa e ela en Londres durante varios meses. Ambos chegaran o sábado á cidade.
 (Os pronomes se, el ela, e mais o indefinido ambos substitúen aos  substantivos Lois e Mar).

3.3.Substitución por proadverbios:

Cando comezou o curso non pensei que fose suspender.  Daquela tiña un proxecto de estudo elaborado que eu consideraba infalible.

(O proadverbio daquela substitúe a un CCT en función adverbial).
Os adverbios poden actuar como substitutos nalgúns contextos:

Todo o mundo foi ao bar Universal. Atoparalos alí.


  1.  Elipse ou elisión

Consiste na supresión de elementos que aparecen con anterioridade no texto. Pode ser nominal (cando se elide un nome ou unha fn.) e verbal (cando se elide un verbo)

O traballo de hoxe habémolo rematar nun par de horas, pero o (Ø) de mañá xa nos ha levar algún tempo máis.

(Está elidido o substantivo traballo, pero mantense o resto da estrutura da frase nominal).

Primeiro cómese o entrante, despois (Ø) o primeiro prato e finalmente (Ø) a sobremesa.

(Está elidido o verbo cómese en dúas ocasións).




            A recorrencia, a paráfrase, a substitución e mais a elisión cohesiva poden ser anafóricas ou catafóricas dependendo de se van antes ou despois do elemento substituído:

Lois non está de acordo. El cre que debe facerse fóra e (Ø) xa comezou a sacar os instrumentos á terraza.
(Aquí a substitución e a elipse do SUX. en xa comezou son anafóricas porque aparecen despois do referente (Lois).

Eles sempre chegan tarde. Tanto Charo como Paco tardan moito tempo en se enfeitar.

(Aquí a substitución é catafórica, porque o pronome substitutivoelesaparece antes de que se coñeza o referenteCharo e Paco”).



CONECTORES TEXTUAIS

                 Os conectores textuais ou discursivos son outro dos procedementos empregados para lograr a cohesión textual. É unha serie aberta e moi heteroxénea de unidades lingüísticas que marcan as relacións que se establecen no texto entre os elementos que o conforman, así como a súa estruturación e desenvolvemento. Poden funcionar como conectores os adverbios e locucións adverbiais (agora, así, despois), as conxuncións e locucións conxuntivas coordinantes e subordinantes(non obstante, porén, porque),as preposicións e locucións prepositivas (do mesmo xeito, polo contrario), certas expresións (para concluírmos, polo que se refire a...), etc.
                 Os marcadores discursivos úsanse para organizar e relacionar os elementos que compoñen os textos (secuencias, parágrafos ou enunciados). Funcionan no nivel supraoracional. (Non se deben confundir coa función que desempeñan no nivel oracional as conxuncións, os adverbios, etc. Ex.: Eles foron os que entraron en primeiro lugar no despacho.función oracional, CCT // En primeiro lugar, eles foron os que entraron no despacho.función supraoracional., conector textual: porque é usado polo emisor para organizar o discurso)

                 O número de conectores textuais é moi amplo. A seguir aparecen os máis comúns:

CONECTORES ORGANIZADORES DO DISCURSO

Uso
Exemplos
Iniciadores (introducir un tema)
Para comezar, primeiro de todo, antes de nada...
Ordenadores (organizar o texto)
En primeiro lugar, en segundo lugar, en último lugar, por unha parte, por outra parte, dunha banda, doutra banda, por último...
Continuativos
Pois ben, neste sentido, entón...
Tematizadores (iniciar un novo asunto)
Con respecto a, canto a, no tocante a, en relación con...
Aditivos (incidir na mesma idea)
Ademais, así mesmo, do mesmo xeito, tamén, igualmente, inclusive
Contrastivos (opor ideas)
Pola contra, aínda que, non obstante, pero, mais, con todo, agora ben, polo contrario, porén, así e todo, a diferenza de...
Causais
Porque, por mor de,  por iso...
Consecutivos (mostrar consecuencia)
En consecuencia, consecuentemente, daquela, entón, de xeito que, por tanto , xa que logo...
Finais (indicar finalidade)
Co obxectivo de, co propósito de...
Espazo-temporais
No centro, á dereita, por riba, antes, mentres que, mentres tanto, de súpeto, máis tarde, despois, deseguido, sempre que...



CONECTORES ORGANIZADORES DE IDEAS

Uso
Exemplos
Expresión de punto de vista
Na miña opinión, desde o meu punto de vista, polo que a min respecta...
Manifestación de certeza
De feito, en realidade, claro, é evidente que...
De confirmación
En efecto, por suposto, dende logo...
De reformulación (esclarecer unha información)
Isto é, é dicir, ou sexa, noutras palabras, quere dicir...
De exemplificación
Por exemplo, en concreto, así...
De resumo e/ou conclusión
En resumo, así, en conclusión, en poucas palabras, en síntese, en suma, en conxunto, en definitiva...

Comentario Manuel Antonio

1- Que características propias das vangardas e de Manuel Antonio achammos neste poema?