Amosando publicacións coa etiqueta BAC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BAC. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de marzo de 2023

CANTARES GALLEGOS: ROSALÍA DE CASTRO.

 

CANTARES GALLEGOS. ROSALÍA DE CASTRO




O 17 de maio de 1863 Rosalía de Castro asina a dedicatoria do seu primeiro libro de poesía galega: Cantares gallegos. A data de publicación habería de se converter en fundacional da cultura galega, por supoñer o pulo decisivo do Rexurdimento.


No prólogo que precede os poemas, a autora confesa terse inspirado no Libro de los cantares de Antonio de Trueba. Seguindo o seu exemplo, Rosalía vai facendo glosas de cantares, refráns ou ditos populares ata compoñer 32 cantares (36 na edición de 1872, na que interveu Murguía, e 38 na edición de 1909) na procura de «reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo». É dicir, estamos diante dunha obra que se organiza como un volume de poesía folk e que responde aos postulados da denominada xeración do 68 e ao ascenso da lírica popular en Europa e en España.


Non obstante, e desde o mesmo prólogo da obra, Cantares gallegos vai máis alá do simple afán revalorizador da cultura popular. A través dun exercicio de sororidade (ao longo da súa obra, Rosalía mostrouse sempre especialmente sensibilizada coa problemática e mais a marxinación das mulleres das clases populares), asistimos a unha verdadeira alegoría da identidade de Galicia, así como a unha defensa do país, das súas xentes e do seu idioma contra as inxustizas e aldraxes ás que se ven sometidos:


“ Cantos, bágoas, queixas, suspiros…” Prólogo de cantares.


Así pois, Cantares gallegos constitúe unha obra de clara intencionalidade sociopolítica, clave para o reencontro da identidade da comunidade galega e da demostración do idioma como lingua literaria. Asumindo a pintura de escenarios, costumes e tipos populares, os versos de Rosalía fornecen, pois, a representación do país nos seus aspectos positivos, rexeitando a visión discriminatoria que de Galicia tiñan os centralistas.


Estrutura


O libro, cunha estrutura circular, enmárcase entre o primeiro e o último poema. Ambos os dous, a modo de prólogo e epílogo, están postos en boca dunha mociña aldeá, «meniña gaiteira», a quen a autora lle pide que cante na lingua galega, ao que esta accederá en representación do pobo.


Cantarte hei, Galicia,

teus doces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.


Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.


Nos seguintes poemas Rosalía cede a palabra a diferentes tipos populares, construíndo un escenario inconfundiblemente galego no que adquire relevo tanto o folclore popular e os seus protagonistas como a propia autora, cunha voz lírica máis profunda e próxima aos seus desacougos íntimos, pero integrada como elemento activo da colectividade galega. O libro péchase coa voz da moza que se escusa modestamente pola falta de graza do seu cantar:


Eu cantar cantei

a grasia non era moita

que nunca (delo me pesa)

fun eu meniña grasiosa.


Cantei como mal sabía

dándolle reviravoltas,

cal fan aqués que non saben

direitamente unha cousa.


Poesía folk, voz de muller e alegoría identitaria


O poemario, atento ás proclamas do prólogo, distingue os seguintes temas:


• Temática costumista.


• Temática amorosa.


• Temática social.


Lirismo popularizante: composicións artelladas a partir das vivencias de personaxes do rural cotián, amosando tanto os elementos folclóricos como os solidarios desa sociedade. Aínda que non é infrecuente que estes cadros costumistas estean ensombrecidos polas penurias, inxustizas sociais ou deshonras destes personaxes, é máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado como nesta glosa que desenvolverá o diálogo entre unha costureira e unha santa da súa devoción.

Dentro deste conxunto destaca, polo número de cantares –monologados ou dialogados– a temática amorosa expóñense as queixas dos namorados, as mágoas deixadas por antigos amores, os resentimentos, as separacións... dun xeito non sempre desenfadado:


«Quíxente tanto, meniña,

tívenche tan grande amor,

que para min eras lúa,

branca aurora e craro sol;

auga limpa en fresca fonte,

rosa do xardín de Dios,

alentiño do meu peito,

vida do meu corazón».

Así che falín un día

camiñiño de San Lois,

todo oprimido de angustia,

todo ardente de pasión;

mentras que ti me escoitabas

depinicando unha frol,

por que eu non vise os teus ollos

que refrexaban traiciós.

Dempois que si me dixeches,

en proba do teu amor,

décheme un caraveliño

que gardín no corazón.

¡Negro caravel maldito,

que me fireu de dolor...!

Mais a pasar polo río

¡o caravel afondou...!

Tan bo camiño ti leves

como o caravel levou.



Miña Santiña,

miña Santasa,

miña cariña

de calabasa.

Hei de emprestarvos

os meus pendentes,

hei de emprestarvos

o meu collar;

hei de emprestarcho,

cara bonita,

si me deprendes

a puntear.


Desde a peza inicial, Rosalía promove unha ollada en clave de «voz de muller», dominante ao longo de todo o poemario. As mulleres do rural, nais e labregas, costureiras, casadeiras, mendigas... aparecen reflectidas na complexidade da súa psicoloxía, nos seus devezos e angueiras, a través de estampas, frescos... que amosan a súa presenza en romarías e/ou traballos, o seu comportamento relixioso e afectivo e mais as dificultades da existencia cotiá. Nalgunha ocasión, a protagonista atrévese incluso a declarar os seus desexos máis íntimos:


E non me namoran, non,

maldizoado!

mentres o meu corazón

quérelle anque sea pecado.

E vai tras doutras mociñas

tan contento,

i eu, con unhas cadiñas,

prendino ó meu pensamento.

E queira que non queira,

está comigo

i á postre i á derradeira,

con el me tenta o enemigo.

Sempre malla que te malla

enchendo a cunca!

I é que o demo traballa,

acabará tarde ou nunca.

Por eso, anque o cura dixo

que é pecado,

mal que tanto mal me fixo

nunca o darei desbotado.


Nun libro de tan evidente intencionalidade sociopolítica tamén se ofrecen glosas dunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a miseria, a marxinación que sofren os galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia. Así, a emigración dos segadores preséntase como unha faceta reivindicativa da beleza e dos valores da propia terra fronte a Castela e unha denuncia do seu maltrato, como se pon de manifesto en «Castellanos de Castilla». Tamén «A gaita gallega», resposta á composición do mesmo título de Ventura Ruíz Aguilera, entra nesa coordenada de autodefensa e inculpación polos males que sofre Galicia, mesmo ata a negación da españolidade dos galegos:

Probe Galicia, non debes


chamarte nunca española,


que España de ti se olvida


cando eres ¡ai! tan hermosa.


Cal si na infamia naceras,


torpe de ti se avergonza,


i a nai que un fillo despresa


nai sin corasón se noma.


Naide porque te levantes


che alarga a man bondadosa;


naide os teus prantos enxuga,


i homilde choras e choras.




Recursos estilísticos e métricos de Cantares gallegos


Á sinxeleza temática dos poemas de Cantares gallegos, sen perder por iso eficacia estética, pódese engadir a sinxeleza na forma. Asentada a obra sobre unha lingua popular, os recursos son tamén populares. Tense repetido que Rosalía abusa das comparacións e descoida a metáfora. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muiñeira e as formas populares da arte menor (cantar popular, seguidilla, romance octosílabo...), aínda que tamén se encontran décimas, cuartetas, redondillas e oitavas reais.




xoves, 22 de novembro de 2018

A lingua galega na Idade Media. (1º BAC)



O GALEGO NA IDADE MEDIA 

A. CONTEXTO HISTÓRICO-SOCIAL
 “Idade Media” é un concepto que designa o periodo comprendido entre a caída do Imperio Romano (s.V) e a caída do Imperio Bizantino (s. XV). Agora ben, ao falar de lingua tomamos como punto de partida os séculos VIII-IX posto que é o momento no que o galego xa se atopa plenamente diferenciado do latín.
B. Características da sociedade feudal da Galicia medieval 
1. Economía predominantemente agrícola e mariñeira. Actividade comercial e artesanal centrada sobre todo nas ciudades, nestas destaca a organización en gremios dos barrios.
2. Ríxida estrutura social que fomenta as desigualdades. Existencia dunha sociedade estamental dividida en: bellatores (nobreza); oratores(clero); laboratores (campesinado, mariñeiros); incipiente burguesía (centrada nas ciudades).
 3. Proceso de progresiva acumulación de poder en mans dos monarcas en detrimento do poder señorial. Este poder continuará en aumento ata a chegada da monarquía absolutista desde o s. XVI ata a Revolución Francesa.
 4. Sucesión de periodos nos que Galicia se constitúe e funciona como reino independiente e periodos en que se integra ou é anexionada no reino astur-leonés. O derradeiro tramo histórico con rei exclusivamente galego sitúase no s. XI e a separación administrativa entre Galicia e Portugal prodúcese no ano 1121.
5. Dominio cultural e ideolóxico case completo da Igrexa católica (mosteiros, universidades, seminarios…).
 C. Características sociais da lingua na Idade Media
 O galego-portugués constitúese en lingua escrita no s. XII. Antes diso levaba décadas de uso exclusivamente oral, usada por todos os estamentos sociais a excepción do relixioso e cultural, nos que aínda primaba o uso do latín. É dicir, que ata o s. XII o galego era a lingua de uso oral da maior parte da poboación, mentres que o latín era a lingua da escrita, a lingua literaria, da administración e dos actos xurídicos. Pouco a pouco o galego-portugués vaise estendendo de forma que acabou por abranguer os máis diversos ámbitos e sectores:
 a) Documentos privados: testamentos, foros, doazóns, escrituras de compra-venda…
 b) Documentos públicos institucionais: actas, regulamentos dos gremios, ordenanzas dos concellos… 
 c) Documentos xurídicos
 d) Documentos eclesiásticos: este é o ámbito en que máis alterna o uso do galego e o uso do latín.
 e) Documentos científicos e didácticos: por exemplo o Tratado de albeitaría do s. XV
 f) Documentos historiográficos que abordan a historia universal e peninsular, baseados fundamentalmente en documentos latinos e casteláns.
g) Documentos literarios (cantigas e prosa literaria): é o grupo máis amplo e o máis destacado tanto pola calidade como polo número de textos. Da importancia da lírica galego-portuguesa dan fe os 2000 textos e os máis de 150 trobadores ou xograres que desenvolveron a súa actividade nesta lingua. A importancia social do galego-portugués non se aprecia só a través destes datos senón que tamén debemos ter en conta outros feitos como que era lingua propia de reis (Alfonso VI, de quen as crónicas din que cando se enteirou da norte do seu fillo, expresou a súa dor en galego) ou que o Marqués de Santillana na súa Carta-Prohemio ao condestábel don Pedro de Portugal, escrita xa no s.XV, aseguraba que o galegoportugués era a lingua normal da escrita de todos os trobadores, calquera que fose a súa orixe. Así pois, neste periodo (s. XII- mediados do s. XIV) prodúcese una etapa de explendor. O galego non só é a lingua de uso normal para toda a poboación a nivel oral he escrito senón que é ademais lingua de prestixio na que autores extranxeiros compoñen as súas obras.

D. Diversificación do galego-portugués:
Dende mediados do s.XIV ata finais do s.XV éntrase nunha etapa de decadencia. A separación política de Portugal tivera lugar en 1121 mais non conlevou a separación lingüística e cultural aínda que Galicia queda vinculada ao reino de Castela e León. Non obstante, neste periodo o portugués xa é a lingua oficial dun reino independente mentres que o galego comeza a perder usos na escrita, manténdose prácticamente só como lingua oral. E. Características da lingua na Idade Media: Os textos medievais escritos en galego-portugués amosan unha sorpredente unidade, independentemente da orixe dos seus autores; esto demostra que esta lingua funcionaba como unha especie de koiné literaria. As características máis salientables da lingua son as seguintes:

- FONÉTICA: A. Hiatos ee, oo (debido á perda dunha consoante intervocálica). Ex: LEGERE >leer; DOLORE > door…
 B. Existencia de vogais nasais (mâo, bôo…)
C. Presentaba o seguinte sistema de consoantes sibilantes: XORDAS SONORAS s- ; -ss- Sentir ; nosso -s- rosa C+e,i ; Ç Cela ; braÇo z dizer x leixar g+e,i ; j Genete; desejar

 - MORFOLOXÍA: A. Os nomes rematados en –or, -ol, -es e –ante tiñan unha soa forma para os dous xéneros (meu senhor, minha senhor ) B. As formas do posesivo feminino eran mia (ma, mha), ta, sa. C. A 3ª persoa dos perfectos presentaba as terminacións –e/-o /- (disse, disso, fiz) D. Verbos da 3ª conxugación latina que pasaron á 2ª ( escrever, dizer, viver…) E. Participio dos verbos da 2ª conxugación rematados en –udo ( palabra perduda)

- SINTAXE: A. Emprego de dúas negacións ( Nem madre , nem parente non a podían d’aly tirar)

-LÉXICO: A. Utilización de provenzalismos. Exs: assaz (abondo, bastante), cobra, trovar…

(Tirado do Ies As Telleiras)

Comentario Manuel Antonio

1- Que características propias das vangardas e de Manuel Antonio achammos neste poema?