xoves, 22 de novembro de 2018

A lingua galega na Idade Media. (1º BAC)



O GALEGO NA IDADE MEDIA 

A. CONTEXTO HISTÓRICO-SOCIAL
 “Idade Media” é un concepto que designa o periodo comprendido entre a caída do Imperio Romano (s.V) e a caída do Imperio Bizantino (s. XV). Agora ben, ao falar de lingua tomamos como punto de partida os séculos VIII-IX posto que é o momento no que o galego xa se atopa plenamente diferenciado do latín.
B. Características da sociedade feudal da Galicia medieval 
1. Economía predominantemente agrícola e mariñeira. Actividade comercial e artesanal centrada sobre todo nas ciudades, nestas destaca a organización en gremios dos barrios.
2. Ríxida estrutura social que fomenta as desigualdades. Existencia dunha sociedade estamental dividida en: bellatores (nobreza); oratores(clero); laboratores (campesinado, mariñeiros); incipiente burguesía (centrada nas ciudades).
 3. Proceso de progresiva acumulación de poder en mans dos monarcas en detrimento do poder señorial. Este poder continuará en aumento ata a chegada da monarquía absolutista desde o s. XVI ata a Revolución Francesa.
 4. Sucesión de periodos nos que Galicia se constitúe e funciona como reino independiente e periodos en que se integra ou é anexionada no reino astur-leonés. O derradeiro tramo histórico con rei exclusivamente galego sitúase no s. XI e a separación administrativa entre Galicia e Portugal prodúcese no ano 1121.
5. Dominio cultural e ideolóxico case completo da Igrexa católica (mosteiros, universidades, seminarios…).
 C. Características sociais da lingua na Idade Media
 O galego-portugués constitúese en lingua escrita no s. XII. Antes diso levaba décadas de uso exclusivamente oral, usada por todos os estamentos sociais a excepción do relixioso e cultural, nos que aínda primaba o uso do latín. É dicir, que ata o s. XII o galego era a lingua de uso oral da maior parte da poboación, mentres que o latín era a lingua da escrita, a lingua literaria, da administración e dos actos xurídicos. Pouco a pouco o galego-portugués vaise estendendo de forma que acabou por abranguer os máis diversos ámbitos e sectores:
 a) Documentos privados: testamentos, foros, doazóns, escrituras de compra-venda…
 b) Documentos públicos institucionais: actas, regulamentos dos gremios, ordenanzas dos concellos… 
 c) Documentos xurídicos
 d) Documentos eclesiásticos: este é o ámbito en que máis alterna o uso do galego e o uso do latín.
 e) Documentos científicos e didácticos: por exemplo o Tratado de albeitaría do s. XV
 f) Documentos historiográficos que abordan a historia universal e peninsular, baseados fundamentalmente en documentos latinos e casteláns.
g) Documentos literarios (cantigas e prosa literaria): é o grupo máis amplo e o máis destacado tanto pola calidade como polo número de textos. Da importancia da lírica galego-portuguesa dan fe os 2000 textos e os máis de 150 trobadores ou xograres que desenvolveron a súa actividade nesta lingua. A importancia social do galego-portugués non se aprecia só a través destes datos senón que tamén debemos ter en conta outros feitos como que era lingua propia de reis (Alfonso VI, de quen as crónicas din que cando se enteirou da norte do seu fillo, expresou a súa dor en galego) ou que o Marqués de Santillana na súa Carta-Prohemio ao condestábel don Pedro de Portugal, escrita xa no s.XV, aseguraba que o galegoportugués era a lingua normal da escrita de todos os trobadores, calquera que fose a súa orixe. Así pois, neste periodo (s. XII- mediados do s. XIV) prodúcese una etapa de explendor. O galego non só é a lingua de uso normal para toda a poboación a nivel oral he escrito senón que é ademais lingua de prestixio na que autores extranxeiros compoñen as súas obras.

D. Diversificación do galego-portugués:
Dende mediados do s.XIV ata finais do s.XV éntrase nunha etapa de decadencia. A separación política de Portugal tivera lugar en 1121 mais non conlevou a separación lingüística e cultural aínda que Galicia queda vinculada ao reino de Castela e León. Non obstante, neste periodo o portugués xa é a lingua oficial dun reino independente mentres que o galego comeza a perder usos na escrita, manténdose prácticamente só como lingua oral. E. Características da lingua na Idade Media: Os textos medievais escritos en galego-portugués amosan unha sorpredente unidade, independentemente da orixe dos seus autores; esto demostra que esta lingua funcionaba como unha especie de koiné literaria. As características máis salientables da lingua son as seguintes:

- FONÉTICA: A. Hiatos ee, oo (debido á perda dunha consoante intervocálica). Ex: LEGERE >leer; DOLORE > door…
 B. Existencia de vogais nasais (mâo, bôo…)
C. Presentaba o seguinte sistema de consoantes sibilantes: XORDAS SONORAS s- ; -ss- Sentir ; nosso -s- rosa C+e,i ; Ç Cela ; braÇo z dizer x leixar g+e,i ; j Genete; desejar

 - MORFOLOXÍA: A. Os nomes rematados en –or, -ol, -es e –ante tiñan unha soa forma para os dous xéneros (meu senhor, minha senhor ) B. As formas do posesivo feminino eran mia (ma, mha), ta, sa. C. A 3ª persoa dos perfectos presentaba as terminacións –e/-o /- (disse, disso, fiz) D. Verbos da 3ª conxugación latina que pasaron á 2ª ( escrever, dizer, viver…) E. Participio dos verbos da 2ª conxugación rematados en –udo ( palabra perduda)

- SINTAXE: A. Emprego de dúas negacións ( Nem madre , nem parente non a podían d’aly tirar)

-LÉXICO: A. Utilización de provenzalismos. Exs: assaz (abondo, bastante), cobra, trovar…

(Tirado do Ies As Telleiras)

luns, 19 de novembro de 2018

BILINGÜÍSMO E DIGLOSIA: TEXTOS PARA COMENTAR.

Comenta os seguintes textos:

Chamar bilingüe a Galicia non deixa de ser un eufemismo. Semellante caracterización, segundo todas
as definicións, presupón unha situación de equilibrio, de estabilidade, de igualdade, que está moi lonxe
de se dar en Galicia [...]. Non falar do trasfondo económico-social e amosar soamente solucións xurídico-
administrativas, dentro dunha estratexia que tenta legalizar o bilingüismo, como panacea social, é
refugar o conflicto. Realmente a intención conciliatoria pode parecer plausible en abstracto, pero, nun
conflicto coma o noso, esíxese unha decisión abertamente favorable a unha das dúas linguas. Non é
xusto nin democrático colocar no ring un anano, esmorecido previamente, diante dun xigante, protexido
xa secularmente, e dicir que agora somos neutrais. Deixar subir ao ring ao galego non é asegurar a neutralidade,
nin moito menos poñerse ao seu favor.

Francisco Rodríguez: Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia, 1976

a) Localiza, explica e comenta as ideas principais deste texto.
b) Comenta: É posíbel a convivencia e o equilibrio lingüístico nunha situación de contacto?
c) Explica a relación entre conflito e diglosia.

Algúns homes –galegos tamén– andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie.
Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escala zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas
e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas
que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo,
e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas,
é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: un can
de Turquía oubea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas rincha igual que un cabalo da
Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal...
Podemos e debemos aspirar a que eisista unha língoa internacional, coa que poidamos andar pol-o mundo
i entendernos con xente de todol-os povos… língoa auxiliar, deprendida como asignatura. Os homes
aspiramos a este ben por lei natural, da mesma maneira que non renunciamos á variedade de idiomas…
o obstáculo para chegarmos ao estabelecimento d-unha língua internacional está producido pol-a ambición
das catro ou cinco língoas que puñan para chegaren á hexemonía cultural do mundo.

CASTELAO, Sempre en Galiza. 1944

a) O mito da torre de Babel pretende darlle unha explicación á existencia de moitas linguas. Comenta o que
saibas sobre este mito. Que valoración fai sobre a diversidade lingüística? Fala sobre a permanencia desta
valoración na actualidade.
b) Explica cal é o posicionamento de Castelao ante a diversidade lingüística.
c) A diversidade lingüística empobrece ou enriquece á humanidade? Xustifica a túa resposta.

PRESENZA EXTERIOR DA LINGUA: A LUSOFONÍA

A presenza exterior dalingua

Cada verán a Universidade compostelá ofrece cursos de galego para
persoas universitarias estranxeiras, aos que acode xente de Europa,
América e mesmo Asia. Xeralmente, o atractivo para a aprendizaxe do
noso idioma está no interese pola cultura e a literatura, incentivado polas
cada vez máis numerosas traducións de obras literarias galegas a
outros idiomas.
A aprendizaxe da nosa lingua estase a estender en universidades de numerosos
países do mundo, sobre todo en Europa e América. Pódese atopar
información sobre a oferta de lectorados de lingua galega en
www.xunta.es/linguagalega/lectorados_de_universidades


A lusofonía

En 1139 Portugal constituíuse como reino independente. A partir da
perda de independencia política do Reino de Galiza e da consolidación
do Reino de Portugal, as dúas ponlas que ata o momento eran variantes
diatópicas dun mesmo idioma comezan a diferenciarse cada vez máis.
A sorte sociolingüística do galego e do portugués foi moi diferente.
Mentres que a partir do século XV o galego comeza a padecer unha situación
de minorización, o portugués convértese nun idioma de cultura,
plenamente normalizado.
Coa expansión ultramarina, o portugués esténdese por territorios americanos,
africanos e asiáticos. Na actualidade fálase en Portugal, Cabo Verde,
Guiné-Bissau, São Tomé e Príncipe, Angola, Mozambique, Timor-
Leste e Brasil. Tamén na cidade chinesa de Macau o portugués segue a
ter moitos falantes. Agás en Portugal, convive coas linguas orixinarias
deses territorios e con crioulos (linguas nacidas da confluencia de dous
idiomas, un nativo e outro foráneo) de base portuguesa.
Pola orixe común e polo alto grao de intercomprensión entre os falantes
das dúas linguas podemos considerar que o galego forma parte da lusofonía.
Na actualidade o portugués é a sexta lingua en número de falantes
primarios a nivel mundial. Con preto de 200 millóns sitúase despois do
chinés, o hindi, o español, o inglés e o bengalí. Esta realidade converte
o galego, mercé ao ámbito da lusofonía, nun idioma de grande utilidade
para a comunicación cunha das maiores comunidades lingüísticas do
mundo.
A pesar da secular barreira que se construíu entre Galiza e Portugal, os
dous pobos seguiron mantendo unha intensa relación, sobre todo na raia.
Tamén foron moitos os galegos, especialmente do sur de Galiza, que
emigraron a Lisboa e, a partir do século XIX, tamén a Brasil. Cidades
como San Salvador da Bahía foron destino de moitos devanceiros. A relación
cultural comezou a se producir a partir da Xeración Nós e mantívose
ata a actualidade.


Comentario Manuel Antonio

1- Que características propias das vangardas e de Manuel Antonio achammos neste poema?